Saturday 20 de April de 2024

Costa da Morte Asociación Turística recibirá o próximo xoves, 19 de xaneiro, en FITUR o certificado que acredita o xeodestino como novo Destino Turístico Starlight


Turismo de Galicia outorgará á CMAT un Recoñecemento Especial polo traballo feito durante o proceso de certificación Destino Turístico Starlight

Costa da Morte terá unha presencia relevante en FITUR, a cita internacional do turismo que se celebra en Madrid desde mañá, 18 de xaneiro, ata o próximo 23 de xaneiro. O eixo da súa presenza xirará arredor da obtención do selo Destino Turístico Starlight, ao que xa se suma desde este 2023. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), entidade presidida por Mónica Rodríguez, recibirá de mans da Fundación Starlight a certificación que acredita o xeodestino, integrado por 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas), como novo Destino Turístico Starlight. O acto de entrega, que oficializará a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, está previsto para a tarde do próximo xoves, 19 de xaneiro, no stand de Turismo de Galicia. Ese mesmo día, ainda que pola mañá, Turismo de Galicia, representado pola súa directora Nava Castro, entregará á CMAT un Recoñecemento Especial polo traballo feito durante 2022 para acadar esta cerfificación. Pola súa banda, o 20 de xaneiro está previsto que Nava Castro, tamén no stand de Turismo de Galicia, presente a Guía do último solpor da Europa Continental, do catedrático baiés Jorge Mira.

En representación da CMAT asistarán a FITUR a súa presidenta, Mónica Rodríguez; vicepresidenta, Sandra Insua; tesoureiro, José Muíño; secretario, Pepe Formoso e o vocal José Marcote. Tamén acudirán alcaldes e alcaldesas dos municipios do destino e unha representación do sector turístico privado, a través de APTCM. A CMAT asistirá, baixo o paraugas do stand de Turismo de Galicia, onde se proxectarán vídeos promocionais e onde se ofrecerá material promocional, como as guías e os novos mapas turísticos. Estará presente unha profesional do márketing en representación da CMAT, que en colaboración con APTCM, apoiará a promoción en FITUR, a través dunha completa axenda de encontros cos principais operadores turísticos.

Actos previstos da CMAT no stand de Turismo de Galicia en FITUR:

19 de xaneiro ás 14.30 horas. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, outorgará á CMAT un Recoñecemento Especial pola certificación como Destino Turístico Starlight, que recollerán o tesoureiro da CMAT e alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño; e Jorge Mira, catedrático do Departamento de Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela, dous dos principais impulsores do proxecto.

19 de xaneiro, ás 18.30 horas. A CMAT realizará a presentación do xeodestino, á que asistirán a presidenta, Mónica Rodríguez; Jorge Mira, a directora da Fundación Starlight e doutora en astrofísica do Instituto de Astrofísica de Canarias, Antonia Varela; a directora de Turismo de Galicia; e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Neste acto faráse entrega oficial do certificado de Costa da Morte Destino Starlight da man da Fundación Starlight. Proxectarse unha peza audiovisual sobre a iniciación de Costa da Morte no camiño do astroturismo e a súa incorporación á rede de destinos Starlight.

20 de xaneiro ás 10.00 horas. Nava Castro presentará, acompañada de Jorge Mira, a Guía do último Solpor da Europa Continental, unha nova publicación de Costa da Morte baseada nos estudos do científico baiés que reforza o posicionamento e a diferenciación de Costa da Morte como destino de astroturismo.

A CMAT estará presente e apoiará á Deputación da Coruña na presentación do Plan de Sustentabilidade Turística no destino Os Fogóns do Anllóns, que potenciará a gastronomía da contorna do río nos municipios de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha e Ponteceso, e que servirá de proxectión para toda Costa da Morte. A presentación: 18 de xaneiro ás 12.30 horas, no stand de Turismo de Galicia.